📸 Luz Iglesias / César Gómez / Juan Ramón
Onte, 4 de xullo, tivemos o pracer de recibir na nosa Redacción de Noticias O Rosal – Editorial Tamuxe á deportista rosaleira Arantxa Gómez Martínez, do club Osdosacho MTB, que -entre outros éxitos- vén de coroarse como Campiona de Galicia de Descenso DH, Campiona de Galicia de Enduro e Medalla de Bronce no Campionato de España de Enduro en Puntallana (La Palma).
Lembramos que Arantxa, de 16 anos (O Calvario, 2007), comezou a súa andaina no ciclismo con tan só 9 anos no Podium Team, para tres anos máis tarde enrolarse no Club Ciclista O Rosal, participando en probas de escolas en Mini BTT e Mini DH.
Na actualidade é cadete de 2º ano en Mtb Enduro, tras dar o salto en 2022 a esta modalidade, onde conseguiu o Campionato Galego e a Copa Galicia de féminas en categoría cadete.
Dende Noticias O Rosal – Editorial Tamuxe o noso sincero agradecemento por esta agradable visita/charla que mantivemos tanto con Arantxa como co seu pai César, extensivo por suposto (aínda que desta vez non puidera achegarse a O Rosal) para Vari, presidente do Club Os do Sacho.
Sen dúbida, como xa temos publicado noutras ocasións, estamos seguros que Arantxa é unha das máis firmes promesas da disciplina e está chamada a marcar, co paso do tempo, unha verdadeira época no ciclismo e no deporte, rexional e aínda nacional. Parabéns!! #ORosalcalidade