Tomiño presenta un libro sobre a vida de Leopoldo María Panero

✍️📸 Concello de Tomiño / Foto portada: José Ramón Vega.

Leopoldo María Panero ocupa un espazo singular na poesía española contemporánea pola súa obra pero tamén pola súa notable proxección pública. Unha vida que o escritor tomiñés J. Benito Fernández recolle no seu libro El contorno del abismo. Vida y leyenda de Leopoldo María Panero, unha rigorosa biografía do coñecido como poeta maldito da literatura española contemporánea que esta fin de semana o autor presenta no seu Tomiño natal.

O acto será este sábado 1 de abril ás 12.30 horas no Hotel Nova Colina nunha charla que contará tamén coa presenza e participación do xornalista Fernando Franco. “Non hai nada que me faga máis ilusión que presentar este libro no meu concello, entre amigos, familiares e veciñanza”, comenta Fernández. Esta presentación está organizada polo Club de Lectura da antiga asociación sociocultural SenRaia.

O tomiñés presentará ante o público unha minuciosa biografía na que reconstrúe a vida e lenda de Panero tras case tres anos de investigación e documentación. Polas súas páxinas desfilan a infancia do poeta entre Madrid e Astorga e as súas relacións familiares, pero tamén se amosa a condición de membro da xeración dos chamados ‘novísimos’, a repercusión da súa obra, a súa adicción ás drogas e ao alcohol, os seus xogos coa política e a súa relación coa loucura, que o levou a pasar boa parte da súa vida en sanatorios mentais. Pero tamén fala da vocación transgresora de Leopoldo María Panero, as súas iluminacións visionarias e a súa personalidade sempre en conflito, ao borde do abismo.

“Todas as biografías son complicadas e requiren de moita paciencia e de moitos anos de investigación para ser capaces de facer unha fotografía fiel do personaxe”, explica J. Benito Fernández. Unha complexidade aínda maior neste caso “xa que ao tratarse dunha persoa psicótica pouca axuda tiven pola súa parte á hora de recoller información”. Pero se de algo entende o escritor tomiñés é de paciencia: o seu vindeiro libro sobre a figura de Juan Benet, que sairá publicado en outubro, supuxeron 7 anos de investigación.

“Todas as biografías ocultan algo de dificultade, por iso en España hai tan pouca tradición biográfica e somos poucos aos que nos apaixona dedicarnos a isto”, explica
Fernández.

O acto será aberto a toda a veciñanza, á que se convida a gozar desta historia na que J. Benito Fernández va máis alá do endemoñado mundo familiar de Panero, que deu lugar a dúas películas. Ao retrato intimista do poeta, narrador, prologuista, tradutor, derrotado e enfermo, Fernández superpón o fondo dunha España inhóspita, opresora e posiblemente non menos enferma.

1 comentario en “Tomiño presenta un libro sobre a vida de Leopoldo María Panero”

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Scroll al inicio