Presentouse en Niño do Corvo a carreira «Los Gemelos Race»

O formidable e panorámico miradoiro do Niño do Corvo (O Rosal) acolleu onte, martes 28 de marzo, a presentación de “Los Gemelos Race”, unha novidosa carreira de obstáculos que se celebrará no Baixo Miño o vindeiro domingo 30 de abril.

Os organizadores do evento, Ángel, Mario e Esteban

A este primaveral acto, que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e os concellos de Tomiño, Oia e O Rosal, asistiron -entre outros- os propios organizadores do evento, os compoñentes de ‘Los Gemelos Team Club‘, Mario, Esteban e Ángel.

Cristina Correa, alcaldesa de Oia, xunto co seu concelleiro de Deportes, Modesto Pereira; Francisco Campos, concelleiro de Tomiño e Germán Fernández, edil de O Rosal, foron os representantes municipais encargados de recoller sendos trofeos de recoñecemento por parte de ‘LGTC’.

Así mesmo, puidemos saudar nesta presentación aos membros da Asociación Española contra o Cancro no Baixo Miño, Pilar Barbosa e Alejandro Rodríguez ou das Comunidades de Montes de Santa Mariña de O Rosal, Ramón Villa e de Figueiró, Antonio Carrera. Vero e Óscar representaron á Comisión de Festas de San Campio de Figueiró.

A Organización fixo extensivo o seu agradecemento aos diferentes patrocinadores do Baixo Miño, ás Comunidades de Montes de Loureza e de Goián, así como á Comisión de Festas de San Mamede de Loureza, que por motivos laborais non puideron achegarse ata este acto en Niño do Corvo.

Lembrouse que a saída da proba terá lugar dende a Praza de Loureza (Oia) e a meta estará situada na Praza de Figueiró (Tomiño).

Segundo se afirmou dende a Organización “a idea xorde da antiga e existente unión entre Loureza e Figueiró. A través dos camiños dos nosos montes, os veciños de Loureza levamos toda a vida facendo o percorrido ata Figueiró nos días da súa Romaría de San Campio de Lonxe. Pola contra, os veciños de Figueiró repiten este camiño en sentido contrario a Santa Calumbra tamén no noso día de romaría”.

Para máis información e inscricións en «Los Gemelos Race» – Carreira de Obstáculos, aquí.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Scroll al inicio