📸✍️ Noticias O Rosal – Editorial Tamuxe
O céntrico Bar-Cafetería Nenza Xida, que vén de reabrir as súas portas o pasado día 2 de febreiro e que conta coa nova xerencia da nosa veciña Rebeca Alonso Estévez, ofrecerá este sábado 24, a partir das 23:30 horas, un concerto a cargo do Grupo Adredde (Manu e Mery).
O establecemento rosaleiro, tal e como podemos comprobar a diario na Praza do Calvario, está aportando á vila un novo, innegable e verdadeiro sopro de aire fresco. Non en van, as súas antigas instalacións veñen de ser reformadas practicamente na súa totalidade, converténdose a actual Nenza Xida nun local moderno e, por suposto, ‘chic’.
En declaracións a NOTICIAS O ROSAL, a súa nova xerente, Rebeca Alonso, nos confesa que aínda que o local non leva nin un mes aberto “estou moi contenta. Non me esperaba esta acollida tan grande“.
Nenza Xida, que abre de martes a domingo (luns pechado por descanso) en horario de 9:00 a 15:00 h e de 18:00 h a peche, brinda aos seus clientes a oportunidade de degustar (e damos boa fe) exquisitas crepes, tostadas e tortitas no almorzo, así como ricos pinchiños coa nosa consumición.
Segundo Rebeca todo isto non sería posible sen a colaboración de moitas persoas, pero “quero darlle publicamente as grazas á antiga xerente, Zaira Solla, pola súa continua e desinteresada axuda, así como a toda a xente que me apoia, á miña familia e en especial ao meu irmán, Roberto”.