
✍️📷 Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia convoca un ano máis, en colaboración con Gadis, o seu premio ‘Somos Esenciais’, que baixo o lema A información ao servizo da xente premia con 2.000 euros a xornalistas ou fotoxornalistas que publicaran información de temática social en Galicia no 2025.
O prazo de presentación de propostas estará aberto ata as 14.00 horas do martes 12 de maio de 2026.
As candidaturas deben presentarse a través do correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal, e deberán estar acompañadas da ficha de inscrición, ademais do traballo en pdf, formato de imaxe ou arquivo de vídeo ou audio, segundo corresponda. De ser o caso, acompañarase tamén dunha ligazón para localizar o traballo na rede.
O Premio de Xornalismo ‘Somos Esenciais’ ten como obxectivo recoñecer o labor dos e das profesionais da comunicación e a información social como vehículo condutor entre o que pasa na sociedade e a cidadanía, dando voz aos problemas dos axentes sociais e aos efectos que causan.
O galardón premia o mellor traballo informativo de temática social, e a el poderan presentarse todos os e as xornalistas e fotoxornalistas que publicaran información en Galicia ao longo do ano pasado.
Ao igual co ano pasado, o premio complementarase cun encontro de xornalismo social convocado co mesmo título.
Esta xornada pretende reflexionar sobre o papel esencial do xornalismo social en Galicia e o seu impacto na comunidade, así como recoñecer o labor de xornalistas que traballan en temas de interese social en Galicia.
A asistencia será gratuíta e da súa celebración informarase polas canles habituais de comunicación do Colexio.
