
Tal e como nos comunican dende o Concello de A Guarda, «a Casa dos Alonso acollerá neste mes de marzo a primeira exposición individual do artista rosaleiro José Luis Rodríguez Correa. A exposición leva por título “Alma” e nela cadros e estruturas con diferentes técnicas e temáticas serán as protagonistas deste espazo, onde os visitantes colaborarán na súa posta en escena».
Dende o ente municipal da Vila do Trega lembran que José Luis «foi discípulo da pintora guardesa Alicia Alonso en debuxo e pintura, tamén foi alumno do escultor Picallo en talla de pedra e modelado e, do mesmo xeito, iniciouse en talla de madeira e pátinas con Pablo Eduardo. Asemade foi alumno de Amelia Alfalla en restauración de obras de arte e pátinas».
A exposición será inaugurada o 17 de marzo ás 20:00h na Casa dos Alonso e permanecerá aberta ao público ata o 30 de marzo en horario de 9:00h a 15:00h.