
✍️📷 Concello do Rosal
O Rosal volverá converterse no epicentro da moda sostible coa celebración da terceira edición do Rula Roupa Rosal, un mercado de roupa e complementos de segunda man organizado polo Concello do Rosal.
O domingo 10 de maio, de 11.00 a 20.30 horas, a Praza do Calvario encherase de cor, estilo e convivencia nun evento que une consumo responsable, diversión e compromiso co medio ambiente.
Durante a xornada, o público poderá mercar, vender, trocar e compartir roupa e complementos, apostando por un consumo máis responsable e respectuoso co medio ambiente.
O mercado contará con 23 postos onde se ofrecerán pezas de roupa, bixutería e accesorios de segunda man.
Ademais, o mercado contará con música en directo en sesión vermú, obradoiros e actividades infantís, así como unha atractiva zona gastronómica aberta a todo o público.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca que o evento é “unha aposta pola economía circular e polo reencontro social”, mentres que o concelleiro de Comercio, Alejandro González, subliña que é unha oportunidade para dar unha segunda vida ás prendas e aplicar a regra das 3 erres: reducir, reutilizar e reciclar.
As persoas e asociacións interesadas en participar con posto poderán facelo de forma gratuíta, presentando a súa solicitude entre o 14 e o 21 de abril, presencialmente no Rexistro Municipal (09.00 a 14.00 h) ou a través da Sede Electrónica do Concello.
O Concello anima a toda a veciñanza e visitantes a acudir nesta terceira edición, que promete ser unha xornada para repetir, compartir e vestir con conciencia.
