
📷✍️ Concello O Rosal.
O Concello pon en marcha unha nova edición de ‘Cafés en Igualdade’, unha iniciativa xa consolidada que regresa esta primavera co obxectivo de xerar novos espazos de encontro, reflexión e pensamento crítico entre a veciñanza.
A través destes encontros mensuais, abertos e gratuítos, o programa percorrerá distintas parroquias para abordar cuestións de actualidade que afectan directamente á vida das persoas, sempre da man de profesionais que achegarán distintas perspectivas e ferramentas para comprender e afrontar retos sociais.
Charlas:
A primeira cita terá lugar esta mesma semana, cun encontro centrado en reivindicar que ‘Coidar tamén é cousa de homes’, no que se abordará o papel da educación e dos coidados como motor de transformación social. A charla correrá a cargo do docente de educación secundaria Manoel Ucha e celebrarase este xoves 23 de abril ás 17.30 horas no restaurante As Eiras con entrada de balde.
O ciclo continuará o 28 de maio cun encontro sobre a influencia das emocións na saúde, da man da psicóloga clínica Andrea Iglesias, na Liga.
Finalmente, o 18 de xuño pecharase esta edición cunha charla sobre identidade e vivencia do colectivo trans, impartida polo activista Eric Dopazo no Jota Jota.
Desde o Concello anímase a toda a veciñanza a participar nestes encontros, pensados para compartir coñecemento, experiencias e inquedanzas nun ambiente próximo e acolledor. Porque a igualdade tamén se constrúe conversando.
