O Rosal rematará a súa San Silvestre cunha gran chocolatada e sorteo de premios
Aberto o prazo de inscrición para a proba, que se celebrará o 31 de decembro cunha andaina e unha carreira
O Rosal quenta motores para acoller unha nova edición da súa tradicional San Silvestre, unha proba que volve con ganas de reunir a todos os rosaleiros e rosaleiras para desfrutar do último día do ano. O Concello xa abriu o prazo de inscrición para participar en calquera das dúas probas que se realizarán: unha andaina de 2.300 metros para a cativada e unha carreira non competitiva de 4 km.
A andaina sairá ás 11.00 horas dende o pavillón municipal cara a Simón do Mazo para percorrer a rúa dos Castros, Campo da Feira, Camiño da Gandarela e Estrada da Morraceira para continuar polo Camiño Campo da Feira, a rúa Simón do Mazo e rematar na Praza do Calvario.
Alí tamén rematará a carreira, que sairá ás 12.00 horas tamén dende o pavillón municipal para recorrer a rúa dos Castros, Campo da Feira, Camiño da Gandarela, Camiño da Laxe, Camiño Tiarxo, Camiño Laxe do Campo, Camiño a Maceira, Estrada da Morraceira, Estrada de Furnos e Camiño Pampaloas para continuar polo camiño Campo da Feira e a rúa Simón do Mazo ata a Praza do Calvario. As dúas probas rematarán cunha gran chocolatada e sorteo de premios.
As persoas interesadas en participar nesta cita co deporte saudable poden anotarse ata o vindeiro 27 de decembro enchendo o formulario de inscrición na web municipal cos seus datos persoais. Tras o peche da inscrición, os dorsais poderán ser recollidos antes do día 31 de decembro ou o mesmo día de 10.00 a 10.45 no caso da andaina e de 11.00 a 11.45 no caso da carreira.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a participar nesta carreira “coa que desfrutar do deporte ao aire libre nunha verdadeira xornada de iversión e lecer antes de rematar o ano”.