Ruta polos barrios e recepción dos Reis Magos en O Rosal

Informa: Concello do Rosal.

Unha ruta de ilusión polos barrios do Rosal da man das súas Maxestades de Oriente.

Percorrerán catro itinerarios diferentes ao longo da mañá e haberá unha recepción a partir das 17:00 da tarde

O vindeiro 5 de xaneiro os Reis Magos voltarán encher de maxia e ilusión todos os barrios e rúas do Rosal. O percorrido real comezará ás 11:00 da mañá, cando os tres Reis visitarán cada recuncho da localidade repartindo agasallos para os máis pequenos e tamén, a encargo do Concello, o almanaque deste 2024. Ademais, atendendo ás demandas da veciñanza, como novidade haberá caramelos brandiños para os máis cativos.

As súas Maxestades realizarán catro rutas diferentes para que ninguén se quede sen saudalos e a visita durará 10 minutos en cada unha das máis de 45 paradas. En caso de choiva, a comitiva real modificará o seu percorrido matutino, visitando as escolas dos barrios e outros espazos cubertos.

Na tarde do mesmo día, a celebración comezará a partir das 17:00h na Praza do Calvario a cargo de Sarao Animación, quenes presentarán o seu espectáculo “Saltimbanquis”, unha combinación de malabarismos, acrobacias e entretemento de rúa. Os máis pequenos tamén poderán desfrutar dunha sesión de pinta caras.

Será ás 18:00h cando os Reis Magos de Oriente inicien a recepción real, agardando por todos aqueles e aquelas que queiran darlle as últimas encomendas de cartas ou saudalos por última vez. En caso de choiva, a festa trasladarase ao Pavillón Municipal, asegurando que a celebración continúa coa mesma intensidade e entusiasmo. Ademais, haberá unha gran chocolatada, tamén sen gluten para que poidan desfrutala todos os asistentes.

Aquelas persoas que non puidesen conseguir ao longo da mañá o almanaque do 2024, poderán collelo nos diferentes bares da Praza do Calvario, onde haberá exemplares dispoñibles.

A Alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, quere destacar que “é un pracer anunciar un ano máis a chegada dos Reis Magos ao Rosal, sendo esta unha tradición que enche de ilusión e sorrisos cada un dos nosos barrios. Quero facer un especial agradecemento ás asociacións locais pola súa colaboración, xa que xogan un papel fundamental para que a cabalgata real transcorra do mellor xeito”.

Scroll al inicio