Carolina Ernau é unha muller que loita por sobrevivir nunha cruel guerra fratricida na que os vencedores, ademais de intentar aniquilar fisicamente os vencidos, pretenden tamén impedirlles pensar e imaxinar. Unha muller que se converte en maquis e que espalla a paixón polos libros, especialmente por aqueles que a marcaron como ser humano: os que se viu obrigada a ler na clandestinidade, á luz feble dun farol ou baixo o foco dunha lanterna.
Sobre ela pesan ameazas de cadea, de tortura e mesmo de morte. Esta é tamén a historia dunha vinganza: a de quen non pode soportar a impunidade dos crimes e decide administrar xustiza pola súa propia man, protagonizando peripecias que poñerán en perigo a todas as persoas implicadas na empresa.
Entre elas atópase o xornalista Tomás Abilleira, quen inicia unha investigación sobre Carolina Ernau tras coñecer a Rosalía Mera, unha enxeñeira que traballou para os nazis durante a década de 1940.
Carolina, a última novela de Alberto Canal, é unha historia de paixóns, vinganza e libros que, por pura empatía co que relata, debería lerse ás escuras e cunha lanterna na man.





Valoraciones
No hay valoraciones aún.