📷✍️ Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia reivindica a figura de Begoña Caamaño cun podcast dirixido por Lucía Junquera e cun encontro profesional que terá lugar o 25 de abril na Casa das Máquinas de Santiago de Compostela. Ambos actos, baixo o título Poñer a voz, contan co apoio da Secretaría Xeral da Lingua.
A Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas 2026 á xornalista e colexiada Begoña Caamaño. Na súa escolla destacou tanto o seu labor profesional como o seu compromiso cun xornalismo ao servizo da cidadanía e da lingua.
O podcast Poñer a voz é un relato sonoro en cinco capítulos que percorre a vida de Begoña Caamaño: desde a súa infancia e xuventude en Vigo, onde nace a súa paixón por contar historias, ata a súa implicación no feminismo, na defensa da lingua, no antimilitarismo e nos medios públicos. Pode escoitarse en Ivoox, Spotify e Apple Podcasts.
Ademais da propia voz de Begoña Caamaño, conservada nos arquivos da radio, o podcast —dirixido e conducido por Lucía Junquera— conta coa participación de Bea Caamaño, Ana Romaní, Xosé María Palmeiro, Concha Cid Fuentes, María Xosé Porteiro, Fani del Río, Víctor Freixanes, Tiago Alvite, Raquel Lema, Carme Hermida, Silvia López, Uxía Iglesias e Belén Teiga.
O encontro —en formato de programa de radio en directo— reunirá profesionais de distintas xeracións para celebrar o seu legado e reflexionar sobre o presente e o futuro do xornalismo. Entre as participantes estarán Lucía Junquera, Ana Romaní, Sonia Díaz, Pablo Lago e Marga Tojo.
Begoña Caamaño iniciou a súa traxectoria nos servizos informativos de Radio Noroeste e traballou en Radio Popular de Vigo antes de incorporarse á Radio Galega. Foi tamén colexiada do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, presidenta do Comité Interempresas da CRTVG e unha das impulsoras da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación.
