Chega «Pangea» con Abraham Cupeiro e a Agrupación do Rosal

✍️📸 Agrupación Musical do Rosal.

O vindeiro sábado 11 de maio o Auditorio Municipal do Rosal encherase da maxia e sons do mundo co espectáculo PANGEA, a cargo do talentoso multiinstrumentista Abraham Cupeiro e a banda da Agrupación Musical do Rosal.

Con moita ilusión, anunciamos que a primeira sesión do concerto xa está chea, grazas á estupenda acollida do público. Ante esta demanda, temos o pracer de ofrecer a posibilidade dun segundo pase para aqueles que non queiran perderse esta experiencia.

A nova sesión está prevista para as 22:00 horas do mesmo día, sempre que se alcance un número mínimo de asistentes. Para os interesados en formar parte desta segunda actuación, convidámosvos a apuntarvos na nosa lista de espera. Podes contactar connosco a través do número 609.866.792, preferiblemente por WhatsApp.

PANGEA é un espectáculo que te transportará polos cinco continentes, explorando a diversidade de culturas a través da música. Desde as «Caracolas» de Oceanía, o «Hulusi» da China, a «Gaita Búlgara», etc. Cada nota resoará como unha viaxe a lugares remotos e emocionantes.

Recomendamos este espectáculo que cautivou ao público dos mellores teatros e auditorios de todo o mundo. Non perdas a oportunidade de formar parte desta experiencia única no Rosal.

Reserva o teu lugar e únete a nós para unha viaxe musical inesquecible con PANGEA!

Scroll al inicio