O pasado venres 14 de abril fomos convidados á primeira e interesantísima barferencia desta tempada na veciña vila de A Guarda.
O Bar Restaurante O’Couto de Camposancos acolleu esta xornada para “ampliar información sobre os últimos traballos arquelóxicos e investigacións históricas realizadas na Guarda e que contou cunha excepcional acollida de público”.
Segundo podemos ler na web guardesa “Brais X. Currás e Lois Armada presentaron aos máis de 50 asistentes os resultados do estudo do concheiro do Castro Santa Trega, trala intervención realizada no ano 2019. Os concheiros, que son os vertedoiros dos castros, brindan unha gran información sobre a vida dos castros, ao acumular os desperdicios e facilitar a conservación de útiles e outro tipo de restos coma ósos, xoiería, etc”.
Tal e como se lembra dende o concello de A Guarda “O Concheiro fala da dieta dos habitantes do Castro Santa Trega polos restos de animais, peixes e mariscos, das súas relacións socioeconómicas, polos restos de vestimentas, armamento, xoias defectuosas, etc”.
A barferencia foi complementada pola intervención de Óscar García Vuelta, que falou concretamente do estudo da orfebrería que van realizar “a raíz dos restos atopados no cuncheiro”.
Para a concelleira de cultura Montse Magallanes as Barferencias “supoñen unha vía moi interesante para a divulgación do patrimonio da nosa localidade, por medio deste formato achegamos aos nosos veciños e veciñas a historia e o patrimonio da Guarda dun xeito ameno e participativo, onde se propicia o encontro e a transmisión dos coñecementos dos ponentes”.
Un pracer volver a saudar ao noso amigo e compañeiro da carreira de Historia, Brais Xosé Currás e, como non, aos seus colegas de coloquio Lois Armada e Óscar García Vuelta. Graciñas polas constantes mencións aos estudos e libros publicados sobre o Trega por Xoán Martínez Tamuxe, -como sabedes- escritor, investigador e fundador da nosa Librería & Editorial.