✍️📸 J.R. / Editorial Tamuxe
O pasado venres 31 de marzo asistimos dende Editorial Tamuxe á presentación do novo libro do historiador tudense Suso Vila, que leva por título Santa María de Oia. Arte, historia e patrimonio dun mosteiro transfronteirizo.
O evento literario tivo lugar no Mosteiro de Oia e contou coa presenza da alcaldesa Cristina Correa, quen realizou un repaso pola biografía e currículum do autor. Entre outros asistentes puidemos saudar ao investigador Fernando Javier Costas Goberna, ao estudoso Agustín Alonso, ao mestre da UVigo, Manuel Ángel Pombal Diego ou mesmo ao director da revista Cousas De, Jesús García Bastida.
A publicación, de 160 páxinas, conta co prólogo do párroco, Daniel Goberna e foi editado polo Concello de Oia.
Algúns dos temas que trata Suso Vila, van dende a paisaxe histórica ata a paisaxe natural do municipio. Abades, señores, armas e conflitos do mosteiro, a desamortización, o campo de concentración, a abadía renacentista, o cenobio no barroco ou a igrexa de Santa María tamén son estudados polo autor.
No seu libro, Vila comeza explicando que o emprazamento do Mosteiro á beira do Atlántico “dota ao conxunto monástico dunha gran singularidade” afirmando que segundo o lingüista Edelmiro Básculas “o nome Oia sería unha palabra prerromana co probable significado de lugar húmido ou abundante en auga“.
“Este espazo onde a auga era abondosa, sería escollido por un pequeno grupo de eremitas procedentes de San Cosme e San Damián de Baíña e San Mamede de Loureza a mediados do século XII para formar unha nova comunidade monástica“.
Recalca Suso Vila que “a historia do mosteiro ligouse á súa contorna de tal xeito como ningún outro centro monástico en Galicia. O mar como fonte de recursos económicos deseña o borde da abadía pero tamén ese océano sería a orixe de perigos como os que sufriría Oia cos corsarios turcos e berberiscos protagonizando alguhas das súas historias máis famosas“.
“O mosteiro de Santa María sería o responsable de transformar a paisaxe do suroeste de Galicia. Vales como o do Rosal ou o de Silva serían colonizados polos monxes para producir cereais e viño no século XII iniciando a fama de riqueza destas comarcas“, lembra Vila.
Dende Editorial Tamuxe, a nosa noraboa por esta nova publicación e o noso sincero agradecemento a Suso Vila pola deferencia co noso fundador, Xoán Martínez Tamuxe, a quen lle dedicou unhas sentidas palabras durante o acto e tamén por escrito.