✍️📸 Natalia Jorge / Asociación Lanzo da Cruz
O tradicional Lanzo da Cruz de Tomiño estreará este ano bandeira, un elemento que ondeará en todos os actos desta festa secular e transfronteiriza que este ano se celebrará o vindeiro 10 de abril, o luns de Pascua.
Os nenos e nenas do CEIP de Sobrada foron os encargados de deseñar esta bandeira que se converterá en emblema dunha romaría histórica que se realizaba ao longo do último treito do río Miño e que na actualidade só se conserva na parroquia tomiñesa de Sobrada e na freguesía de Cristelo Covo, en Valença.
A iniciativa xorde da asociación cultural Lanzo da Cruz, que se encargou de explicar ao alumnado deste centro educativo a orixe e a historia desta cita que festexa o ancestral mundo dos pescadores na que o relixioso e o pagán camiñan da man. Capitaneados por unha comisión integrada por rapaces e rapazas de 4º, 5º e 6º de primaria, no deseño e creación da bandeira implicáronse nenos e nenas de todos os cursos do centro que foron realizando diferentes tarefas para idear unha bandeira que tamén servirá de emblema á propia asociación cultural.
Despois de realizar varios bosquexos, cativos e cativas escolleron os elementos que consideraban máis representativos desta romaría, como o propio río. O fondo da bandeira “representa as escamas da lamprea, o río e a rede coa que se pesca”.
Non podía faltar no debuxo tamén unha lamprea e “unha cruz, que representa a unión dos dous países e na que colocamos o nome de Sobrada e Cristelo Covo”, como explicaron os nenos e nenas durante a entrega da bandeira á asociación Lanzo da Cruz.
Unha representación da unión entre países que tamén tentaron recoller cos barcos debuxados aos lados e nos que figuran “as persoas máis importantes desta festa, os músicos e músicas e as e os pescadores”. Na bandeira non podían faltar os chimpíns, “nos que moita xente acude á romaría, así como as banderiñas que os van decorando co nome da festa”.
Durante a entrega da bandeira, os rapaces e rapazas de 4º, 5º e 6º quixeron agradecer o labor e a implicación do resto de alumnos e alumnas do centro “por participar con nós na creación dun elemento que cremos que será moi importante para a festa”.
O Lanzo da Cruz é unha cita transfronteiriza que reúne aos pescadores de ambas as dúas beiras do Miño para pedir que haxa unha boa pesca na tempada fluvial. Nela, o párroco sube ás barcas, bendice as embarcacións e as redes, e logo vai en procesión polo río a visitar a marxe portuguesa, onde dá a bicar a cruz e bendice aos romeiros e romeiras da beira contraria para asegurar un bo ano de capturas e protexer aos pescadores. O cura portugués repite o mesmo proceso na marxe galega.
Mentres as embarcacións van ata a beira do país veciño, os pescadores botan as redes para ofrecer aos sacerdotes a primeira lamprea do lance. Unha tradición que, como conta a historiadora Natalia Jorge, nace “da importancia naquela época de ter boa pesca ou o prexuízo económico e vital que supoñía perder as redes, os barcos ou que alguén se afogara, unha parte da historia que nenos e nenas tan ben recolleron na nova bandeira”.